Ledicia Costas

Ledicia Costas é unha das autoras máis recoñecidas e traducidas da literatura galega e os seus libros son constantemente reeditados. A súa primeira novela publicada foi Unha estrela no vento (Edicións Xerais 2000), libro que escribiu cando era unha adolescente.

Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos, coma o Premio Merlín de literatura infantil, pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. Por ese mesmo libro, o Ministerio de Cultura concedeulle o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015 e entrou a formar parte da Lista de Honra do Ibby. Traducida a linguas coma o coreano, o persa ou o portugués, Escarlatina, a cociñeira defunta tivo unha gran acollida polo público infantil. Foi cualificada coma unha obra “extraordinaria, humorística e rompedora, que destaca pola súa sinxela lectura, humor escalofriante e con grande habilidade para desmitificar o tema da morte”.

Coa novela de aventuras Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta conseguiu o Premio Lazarillo de creación literaria do 2015. No 2017 volve ganar ese mesmo premio coa novela A balada dos unicornios e no 2022 recibe novamente este galardón pola súa novela xuvenil A lebre mecánica, converténdose na única persoa da historia do premio en gañalo en tres ocasións.

No ano 2019 publica Infamia, novela que ten unha gran recepción entre o público adulto e non só: foi o libro máis lido nos clubes de lectura de Galicia da ESO no curso 2019-2020.

No 2020 recibe o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria sendo a persoa máis nova desde a fundación do galardón en conseguir este recoñecemento.

A finais do 2021 consegue por segunda vez o Premio Merlín, nesta ocasión pola súa novela infantil O neno de lume.

En 2022 gaña a XX edición do Premio de Poesía Afundación co poemario Ultraluz.

Retrato de Ledicia

Sobre min

Nacín unha tarde de setembro. De pequena o que máis me gustaba era ler, arrincarlle os cables ás bonecas, comer chocolate e visitar cemiterios. Estudei Dereito e exercín uns anos como avogada, pero desde hai xa tempo dedícome por completo á literatura, cousa que me fai moi feliz. Sigo visitando cemiterios, todos os que podo. Teño ducias de fotos en cemiterios de distintos lugares do mundo. Gústanme as historias de meigas, pantasmas e mortos. Son unha lectora apaixonada. Non sei cantas historias me quedan por escribir. Agardo que varias ducias. As mellores historias son as que se escriben coa cabeza pero, sobre todo, co corazón.