Manifesto Día de Rosalía de Castro

Fotografía de Goretti Sanmartín Rei

Hoxe ás 12:00, no Panteón de Galegos Ilustres, celebrouse o tradicional acto da AELG polo Día de Rosalía de Castro. Eu fun a encargada de redactar e ler o manifesto no medio dun acto que atopei especialmente emotivo. Ademais da participación da Asociación Galega de Editores, da Federación de Librarías, da Asociación do Traxe Galego, da Coral Solfa e da propia Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, encheume de ledicia a participación da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. As intervencións de hoxe prenderon unha chispa que alumeou un panteón que atopamos demasiado frío, e despedimos quente.

Lamento que algúns medios estean traducindo o contido do manifesto ao castelán e obvien a versión orixinal galega que penduro a continuación, para aquelas persoas que teñan interese:


Manifesto polo Día de Rosalía

En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía, posúe as cores reveladoras da primeira luz.

Imaxino a Rosalía no S.XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.

Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.

En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.

Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.

En Galicia existen infinitas formas de chover,

Como chove miudiño,

como miudiño chove,

pola banda de Laíño,

pola banda de Lestrove.

E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo. RosalíaTe!

Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail

4 thoughts on “Manifesto Día de Rosalía de Castro”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *