Ledicia Costas

Ledicia Costas é unha escritora galega licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo. Empezou a escribir desde moi nova. A súa primeira novela publicada foi Unha estrela no vento (Edicións Xerais 2000), libro que escribiu cando era unha adolescente.

Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos, coma o Premio Merlín de literatura infantil, pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. Por ese mesmo libro, o Ministerio de Cultura concedeulle o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015.

Traducida a linguas coma o coreano, o persa ou o portugués, Escarlatina, a cociñeira defunta tivo unha gran acollida polo público infantil. Foi cualificada coma unha obra “extraordinaria, humorística e rompedora, que destaca pola súa sinxela lectura, humor escalofriante e con grande habilidade para desmitificar o tema da morte”.

Coa novela de aventuras Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta conseguiu o Premio Lazarillo de creación literaria do 2015. No 2017 volve ganar ese mesmo premio coa novela A balada dos unicornios, converténdose na única autora galega en lograr en dúas ocasións este galardón.

No ano 2019 publica Infamia, novela que ten unha gran recepción entre o público adulto. Actualmente vai pola sétima edición e foi o libro máis lido nos clubes de lectura de Galicia da ESO no curso 2019-2020.

Recibiu o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria no ano 2020 pola súa traxectoria.

Retrato de Ledicia

Sobre min

Nacín unha tarde de setembro. De pequena o que máis me gustaba era ler, arrincarlle os cables ás bonecas, comer chocolate e visitar cemiterios. Estudei Dereito e exercín uns anos como avogada, pero desde hai xa tempo dedícome por completo á literatura, cousa que me fai moi feliz. Sigo visitando cemiterios, todos os que podo. Teño ducias de fotos en cemiterios de distintos lugares do mundo. Gústanme as historias de meigas, pantasmas e mortos. Son unha lectora apaixonada. Non sei cantas historias me quedan por escribir. Agardo que varias ducias. As mellores historias son as que se escriben coa cabeza pero, sobre todo, co corazón.