Ledicia Costas
Ledicia Costas é unha das autoras máis recoñecidas e traducidas da literatura galega e os seus libros son constantemente reeditados. A súa primeira novela publicada foi Unha estrela no vento (Edicións Xerais 2000), libro que escribiu cando era unha adolescente.
Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos, coma o Premio Merlín de literatura infantil, pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. Por ese mesmo libro, o Ministerio de Cultura concedeulle o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015 e entrou a formar parte da Lista de Honra do Ibby. Traducida a linguas coma o coreano, o persa ou o portugués, Escarlatina, a cociñeira defunta tivo unha gran acollida polo público infantil. Foi cualificada coma unha obra “extraordinaria, humorística e rompedora, que destaca pola súa sinxela lectura, humor escalofriante e con grande habilidade para desmitificar o tema da morte”.
Coa novela de aventuras Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta conseguiu o Premio Lazarillo de creación literaria do 2015. No 2017 volve ganar ese mesmo premio coa novela A balada dos unicornios e no 2022 recibe novamente este galardón pola súa novela xuvenil A lebre mecánica, converténdose na única persoa da historia do premio en gañalo en tres ocasións.
No ano 2019 publica Infamia, novela que ten unha gran recepción entre o público adulto e non só: foi o libro máis lido nos clubes de lectura de Galicia da ESO no curso 2019-2020.
No 2020 recibe o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria sendo a persoa máis nova desde a fundación do galardón en conseguir este recoñecemento.
A finais do 2021 consegue por segunda vez o Premio Merlín, nesta ocasión pola súa novela infantil O neno de lume.
En 2022 gaña a XX edición do Premio de Poesía Afundación co poemario Ultraluz.